Concello de Sada


© 2007, Concello de Sada. Avenida da Mariña, 25. Tel.: 981 620 075


Imprimir Enviar

Morreu Maruxa Boga, a voz da emigración na Arxentina

O pasado día 25 de xullo foi un día triste para as galegas e galegos residentes na Arxentina, e de maneira especial para os emigrantes sadenses, xa que morreu en Bos Aires a lexendaria xornalista e actriz Maruxa Boga.

30 de xullo de 2010 Filla de galegos emigrados a Bos Aires, nacida no ano 1915, foi considerada como "A Voz da emigración", xa que durante 45 anos traballou como locutora nas históricas emisións radiofónicas dos programas ‘Galicia’ e ‘Recordando a Galicia’ de Radio Ribadavia, converténdose na locutora máis escoitada polos miles de galegos que emigraran á Arxentina na primeira metade do século XX.

Tamén foi unha importante actriz e formou, xunto co actor Fernando Iglesias "Tacholas", unha compañía de Teatro, coa que representaron comedias de temática galega e á que o propio Castelao lle encargou a representación de "Os vellos non deben de namorarse".

No seu programa radiofónico "Recordando a Galicia" participaron repetidas veces personaxes como Castelao, Eduardo Blanco Amor, Antón Alonso Ríos, Maruxa Villanueva ou o sadense Ramón Suárez Picallo.

Maruxa Boga mantiña unha especial relación coa colectividade sadense agrupada en torno ao Centro Sada e Contornos, era convidada aos actos que organizaba esta Institución e asistía sempre que podía, a pesar da súa avanzada idade

Estivo presente nos actos organizados en Bos Aires con motivo da traida dos restos do seu amigo Ramón Suárez Picallo desde o Cemiterio da Chacarita ata o Fiunchedo en outubro do ano 2008.

Maruxa Boga foi unha firme defensora da comunidade galega na Arxentina, do teatro e da cultura galega, contribuíndo ata a súa morte a manter viva a chama da galeguidade.

O Alcalde remitíu carta persoal aos familiares directos, así como ao Centro Sada e Contornos, no que está prevista a organización dun acto de homenaxe.