Concello de Sada


© 2007, Concello de Sada. Avenida da Mariña, 25. Tel.: 981 620 075


Imprimir Enviar

CONCELLO DE SADA.

VI Mostra de teatro afeccionado.

O vindeiro venres 19 de marzo continuará VI edición desta mostra de teatro que xa está consolidada no calendario anual de moitas compañías galegas de teatro afeccionado.

9 de marzo de 2010 Este ano presentáronse 30 compañías de toda Galicia a un difícil proceso de selección do que resultaron elexidos 6 grupos, provenientes de diferentes lugares de Coruña e Lugo.
Estes grupos serán os que opten ós diferentes premios desta Mostra, que conta cun moi apreciado "Premio do Público".
As representacións serán no horario habitual das 20:00h. na Casa da Cultura Pintor Lloréns, con entrada gratuita e aberta a todos as persoas que se queiran achegar a desfrutar deste escaparate do Teatro Afeccionado galego.

UNHA MOSTRA QUE REPARTIRÁ 2100 € EN PREMIOS.
Como en edicións anteriores, o xurado escollerá o "Mellor espectáculo" da Mostra. As seis compañías optarán tamén a ter o premio á "Mellor Actriz" e "Mellor Actor".
Por outra banda, o público que asista terá un papel protagonista e crítico, xa que poderán escoller, coas súas votacións despois de cada representación, qué grupo levará o premio ó "Mellor espectáculo para o público".
O programa de actuacións abrirase o sábado 13 de marzo coa compañía Teatro Badius, de Baio, que representará a súa parodia do "xénero western" cunha adaptación propia titulada "¡Xoo... ante o perigo!".
O domingo 14 será o tempo de ver á compañía de Betanzos "Teatro Mariñán", que porá en escena "Non é tan fácil", baseada nun texto do compoñente do "Tricicle" Paco Mir.

NOVAS PROPOSTAS.
Nesta edición, o público sadense poderá asistir por vez primeira a un "Match de improvisación": unha competición teatral na que a capacidade creativa e de improvisación sobre o escenario é a mellor arma para gañar a aprobación do público. Un espectáculo de dramatización que en países de América do Sur xerou, dende hai moitos anos, ligas de competicións por equipos seguidas por un público entusiasta.
A xente que se achegue polo Auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada o venres 26 de marzo ás 20:00h. participará activamente do espectáculo: serán eles os que escriban en pequenas tarxetas os títulos das dramatizacións que irán a un bombo, e que deberán representar os equipos de actores e actrices sobre o escenario. Un "ring" improvisado delimitará o espacio da "loita creativa", e os espectadores serán os que determinen qué equipo se leva cada punto, mediante votacións en directo cun sistema de cartulinas.

PROGRAMA DE REPRESENTACIÓNS.
As actuacións da VI Mostra terán lugar na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, en horario de 20:00h., e serán de entrada gratuita.
As compañías e datas son as seguintes:

• 13 de marzo, 20:00h.: TEATRO BADIUS (Baio) con "¡Xoo... ante o perigo!".
• 14 de marzo, 20:00h.: TEATRO MARIÑÁN (Betanzos) con "Non é tan fácil".
• 19 de marzo, 20:00h.: TANGATUTANGA TEATRO (Santiago) con "Aberto por folga", de Beatriz Bravo.
• 20 de marzo, 20:00h.: ACHÁDEGO TEATRO (Lugo) con "A Mandrágora".
• 21 de marzo, 20:00h.: CARRACHANACACHA (Narón) con "Comendo pementos de Padrón con Tarantino".
• 26 de marzo, 20:00h.: BAMBÚ TEATRO (A Coruña) no Match de Improvisación (fóra de concurso).
• 27 de marzo, 20:00h.: AXÓUXERE TEATRO (Narón) con "A gata sobre o tellado de zinc quente).

A Mostra pechará as súas portas ata o ano que ven cunha Gala de Clausura. Nela poderase asistir á cerimonia de entrega dos premios do xurado e do público, que contará coa participación da Banda de Música Municipal e á que asistirá tamén o Alcalde de Sada.
A Gala, que será ás 19:00h. na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, dará paso á estrea da nova obra da Compañía Municipal de Teatro do Concello de Sada, que presentará a comedia "O estrano velorio de Paulo Couto", dirixida pola directora e actriz Isabel Vázquez.